Cofradía de pescadores de Noia

A ría a nosa mina

Noia

A orixe de Noia remóntase ás culturas prehistóricas. Poboada na época megalítica e castrexa, amosa vestixios dun pasado romano e foi durante a Idade Media cando se converteu nunha das principais cidades de Galicia ao descubrirse en Santiago o Sartego do Apóstolo.

Convertida no porto de Compostela, a vila coñecerá un gran desenvolvemento das súas actividades comerciais. A poboación orixinal, que vivía no burgo da Barquiña, integrarase baixo a xurisdición do Señorío da Terra de Santiago cando a raíña Doña Urraca lle concede á Mitra Compostelá as terras comprendidas entre o Tambre e o Ulla.

 

Pola Carta Póboa do ano 1168, outorgada por Fernando II, créase o actual burgo, que será escenario das loitas medievais que teñen como protagonistas ós prelados de Santiago e aos nobres que rivalizaban no control da vila medieval. Será nesta época cando se constrúan a igrexa de Santa María a Nova e San Martiño, as Casas Góticas dos Señores da vila e o Castelo ou Fortaleza do Tapal onde residían os arcebispos de Santiago durante o verán.

 

Un dos arcebispos residentes en Noia foi o francés Berenguel de Landoira que, a principios do século XIV, buscou refuxio na vila ante  a negativa dos burgueses de Santiago a abrirlle as portas da cidade. Como recompensa a esa axuda mandou construír a igrexa de Santa María a Nova e a muralla con doce portas que a protexía dos ataques, como o ordenado polo Duque de Lancaster (s.XIV) cando intentaba apoderarse de Galicia para acceder ó trono de Castela.

 

A vila tamén foi escenario da Revolta Irmandiña, a loita do pobo contra os abusos da nobreza laica e eclesiástica. Asaltaron a Fortaleza do Tapal, convertida en sinal de identidade da poderosa Mitra que ata o ano 1812 (Constitución de Cádiz) era o auténtico dono da vila, á que sometera a numerosas presións económicas.

A Idade Moderna será a época da presenza do pirata Francis Drake na ría, como resposta á expedición da Armada Invencible, e a chegada dos industriais cataláns ás nosas costas. Varios personaxes vencellados á vila terán un acusado protagonismo: Lorenzo de Armada e Xoán de Noia (navegantes nas Indias), Sebastián Docampo (que foi o primeiro en demostrar que Cuba é unha illa), o escultor Felipe de Castro (Presidente da Real Academia de San Fernando) e Basilio Vilariño (explorador da Patagonia).

A Idade Contemporánea será a da ocupación da vila polo exército francés, a revolta contra os industriais cataláns, o protagonismo do escultor Xosé Ferreiro e o apoio da vila á Revolta Galega de 1846. Nun curto percorrido pola vila pode apreciarse como se conservan nas súas rúas a identidade doutros importantes personaxes vencellados a ela nas diferentes épocas históricas.